Noticias

XORNADA TÉCNICA: III MACHINE LEARNING WORKSHOP GALICIA. XOVES 18 DE OUTUBRO, EN VIGO

Co obxectivo de amosar a aplicabilidade á industria das tecnoloxías asociadas á Aprendizaxe da Máquina, o xoves 18 de outubro en Vigo terá lugar o III Machine Learning Workshop Galicia, organizado polo centro de investigación en tecnoloxías das telecomunicacións AtlanTTic, en colaboración con centros de investigación e Universidades galegas e a Xunta de Galicia, a través do Igape.

Nesta edición daranse a coñecer traballos que amosan a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning a casos de uso reais, ademais doutros que contan cun potencial importante para a súa aplicación no tecido socioeconómico e industrial. Ademais, Ana Peleteiro Ramallo, Data Science Director en Tendam (previamente grupo Cortefiel), oferecerá a conferencia “Vivindo a era da Intelixencia Artificial: contos de machine learning e datos”.

Na xornada, que se desenvolverá na sede da Afundación (rúa Policarpo Sanz 24-26) a partir das 9.30 h., as empresas participantes poderán compartir as súas necesidades e establecer sinerxias. O prazo de inscripción remata o 12 de outubro.

Programa e inscricións